É estrano estar aquí, na cadeira, ao pé do meu finado marido e non sentir mágoa algunha. Chegará, chegará a dor e alfineteará o meu peito, encolleráseme a alma e pensarei morrer. Pero agora non sinto nada, nada agás, quizais, unha lene morriña e esta idea obsesiva dende que aconteceu todo e o teño enfronte de min, coa súa faciana de sempre pero xa sen vida. El sen alento e eu tan tranquila, pensando frivolidades. Non me sinto triste, só teño estas ideas tolas que unha non sabe se estes pensamentos son morais ou decentes ou que. Isto pasa por terme tomado tranquilizantes: menudo efecto me fixeron! Ata me da a risa parva, co que eu o quero e aquí estou, tan pancha sen poder pensar noutra cousa máis que no seu sexo.
Só podo pensar na túa pirola, Carlos, nas lembranzas do teu chupachús, no teu rabiño xoguetón, na túa vara telescópica, que moito che aquelaba poñerlle nomes, o ananiño saltarín, o boneco babeco, Peter Pan, o mudo dos Marx, o gran faraón. Onte... non, foi antonte. Antonte a túa pirola entraba en min e ben que o pasamos, que nos temos divertido moito, Carlos, durante case trinta anos. Trinta anos! Que se di axiña! Cando unha convive cun membro así durante tanto tempo é case xa coma un apéndice propio que lle pertence ao corpo dunha por momentos, como a alianza de casados ou o sostén. O que son as cousas, meu! Antonte facendo o amor e agora ti aí, a túa serpe transformada en verme. É difícil de crer, un falo con tanta vitalidade, con tantas ansias galopadoras, ao que lle había que abrir paso cando se achegaba, ao que lle había que franquear portas e murallas, que non tiña pasadoiro que se lle resistira.
O meu home morto e eu a pensar na súa pirola. No seu pene vivo. Botareino de menos. Que ben dotado estás, mecaghoná! Non é que tiveras unha barbaridade, que nas películas porno xa as ollamos máis grandes, pero para a idade que tes, hai que ver, que che segue a funcionar como un mozote. Bueno, agora xa non. Ai, Maricruz, vaite facendo á idea, o faraón xa non...
Sempre se espertaba erecto, espertábase. Sempre ergueito pola mañá. É que son trinta anos e cada mañá coa cousa arrimada ao meu pandeiro, entre as miñas cachas, tan a gustiño. Que ti non me dis "bos días!", ti disme "déixame aparcar a moto, Maricruz!", e aí teño a moto, puxando por meter segunda, e logo terceira... E dalle! Que cousas me veñen á cachola! Vai ser verdade iso da quentura que lles entra ás viúvas, se ata me sinto excitada. O meu homiño de corpo presente e eu que parece que só sinto pesar polo gran faraón, polas cousiñas que me facía o emperador agora momificado.
Esta é a derradeira noite que pasamos xuntos, meu amor, a derradeira noite que paso contigo, Carlos, miña vida, e eu pensando no teu billote, o noso billote. Seguro que te divirtes a mirarme, alí onde esteas. Mira que eu me sinto culpábel por pensar na túa miñoca e ti segurísimo que escachas coa risa, de seguro que te ris de min, que ben orgulloso estás da túa caralla, ben que che gusta locila ao saír da ducha, mirala no espello e facer monerías con ela, conseguir que salte, colgarlle a toalla, que sei eu! Como aquel día en que che deu por debuxarlle olliños e facías que a boca se abrise e pechase o mesmiño que un peixiño.
.- Dame un biquiño, dame un biquiño, dicías, a perseguirme pola casa.
Xesús! Cala, Maricruz, que ata me da a risa e a ver se van vir as miñas cuñadas, as xemelgas, que non soltan o rosario. Que letanía! Non cansan nunca, e se souberan dos meus pensamentos enviaríanme dereitiña ao inferno, unhas beatas é o que son, que non sei como Carlos saíu tan lanzado, que en nada se asemella á súa familia. Claro, quen ía sospeitar do meu marido, tan responsable, tan bo pai, homiño da súa casa... Quen vai imaxinar que lle gusta disfrazar a súa minga, como daquela na que a vestiu de noiva, co veliño branco.
.- Xa pode bicar á noiva, dicíame o moi senvergonza.
Eu non sei como funcionarán outros homes, pero Carlos, fillo, ti a todas horas. A cada paso xa estás montado na burra, como digo eu, que non te esgotas. É verme en braga e xa vés ao trote. A ti non che fixo efecto nin a miña menopausia nin a celulite: se ata co período te tiña que estar a apartar! E sen viagra nin rabo de gaitas, que non te fai falla ningunha, Carlos, que tontería é esa de que che fai ilusión probala, viagra ti, para que? Se sempre a tes a punto de caramelo, a maionesa callada. Ata nos embarazos te tiña sempre enriba, que dicías que era bo para o feto. Só estivestes máis pasivo aquela tempada de problemas na fábrica, que che colgaba e te desesperabas, o preocupado que estabas! Tiñas corenta e xa crías que era a fin, pero mira, logo pasou todo e incluso fixemos á pequena, que ben bonitiña é. Para que digan que o estrés non inflúe... Lembras aquela noite que te mudaron de posto? Esa mesma noite, non sei se te recordarás, ata cinco veces o fixemos, tan entusiasmado viñeches coa recuperación. E xa ultimamente non digamos, dende que te xubilastes, outra vez, vaia enerxía, rapaz! Menudos bríos, sobre todo polas mañás, que ti non te das de conta de que eu aínda teño que ir traballar e ti veña liarme, veña insistir.
.- Dalle un biquiño, só un biquiño.
Que eu ata me anoxo porque levo présa e chego tarde e sempre fuxindo de ti. E mira, agora arrepíntome de terte apartado tantas veces porque, á fin, Carlos, é o mellor que temos vivido. Eses anaquiños de tempo que ninguén nos vai quitar. É o que levas, meu amor. É co que me quedo, meu rei, cos bicos, cos bicos que nos demos.
Los textos en castellano de Susana Moo para Certo,aquí
Os artigos en galego en Certo, aquí