Os luns e os mércores vou bailar á academia de danza. Alí nos xuntamos unha ducia de mulleres voluntariosas que despois dos traballos, das compras, das lentellas e os 'sanxacobes' aínda facemos un último esforzo para ir menear as nosas carnes.

    Á miña esquerda ponse Menchu que sempre chega tarde porque vén directamente da oficina. Menchu é desas mulleres longas de corpo co cú gordo coma unha cabaceira que de seguro lle encanta ao seu home, aínda que a ela dálle complexo. Á dereita sitúase Montse, que deixa ao marido e aos fillos ceando e di que vén para relacionarse e saír da casa. Montse está repoluda de vez pero é a máis xeitosa bailando. Detrás ponse Ana: nada por diante, nada por tras, un bimbio verde. Alí estamos, fronte a un espello de punta a punta, un fato de femias de beleza singular detrás da beleza perfecta da monitora.


    Ela é absolutamente sexi, unha amazona con cara de deusa e tipazo de moito santísimo. Unha moza vaidosa coa adición abusiva de se mirar no espello que viste mallas de cadeira baixa ben axustadas que resaltan as súas cachas caribeñas enmarcadas co tanga que contrastan cunha cinturiña estreita que menea e retorce cun xeito propio de danzarina oriental e que potencia co top para que se lle mire a barriga modelada a base de cincocentos abdominais diarios.

    Encántalle se mirar e que a miremos. A monitora remexe o corpo coma se quixera nos excitar, ou provocar envexa, non sabería dicir.

    É unha gata cruel á que lle gusta rir dos demais e a súa vítima preferida é Menchu, a do cú de cesta, tan toupa. Ataca á máis débil, como acostuman facer esta especie de nenas bobas.

    O seu sadismo é sutil: colócase ao par dela para explicarlle eses movementos de pelve que na mestra resultan encantadores e que na outra semellan ridículos e faillos repetir unha e outra vez. Desfruta como unha bruxa comparando seu corpo co da outra e obrigándoa a menear eses xamóns.

    Busca a complicidade do riso na miña mirada, pero dende logo non a atopa: o meu sadismo vai por outros vieiros... se ela soubera! Téñoo ben estudado, paso a paso, daríalle o seu merecido á raposa narcisista:

    Saio dos vestidores co meu short de coiro vermello, as miñas botas de cana alta e tacón imposible, o meu corpiño de tacholas e o anteface de látex. Por suposto levo o látego. Sitúome diante do grupo, de fronte á monitora. Os nosos peitos case se tocan.

    - Rematou a festa! Ispe diante de todas nós!, dígolle coa cara ben seria e acompañándome dun fungueirazo co chisme.

    Non lle queda opción, as miñas compañeiras póñense inmediatamente do meu bando, coas cariñas coloradas do pracer segredo que comparten comigo ao humillar a “esa”. Sentan detrás de min para ollar o espectáculo, bonito espectáculo o da atleta espindo o corpo multiplicado por dous grazas ao espello.

    A fachendosa monitora, núa, mantén a súa perfección pero agora é máis vulnerable e os seus peitos sen suxeitador son excesivamente pequerrechos.

    Menchu colócase ao meu lado. Parece outra a Menchu con esas sandalias vermellas e o collar de mil bolas como única indumentaria. Senta na cadeira. Está sensual Menchu toda despeluxada coas pernas ben abertas, coma se se gabara da súa silveira, e me mira libidinosa, cun sorriso escorado de beizos pintados:

    - Quero que me lamba. Obrígaa.

Todos os textos de Susana Moo en Certo, aquí