Cando te levan operar, os nervios turran. Son intres delicados en que todo pensamento sexual debería estar fóra de lugar, pero non sempre é así. De feito, moitos de nós agarrámonos ao sexo como expresión máxima da vida cando a morte asoma o fouciño: nos hospitais Tánatos anda encrechado e os celadores, sanotes, convértense nos heroes de Eros.

   No da miña apéndice aconteceu a miña primeira experiencia hospitalaria e tíñalle un medo irracional ao bisturí, pero iso non impediu que cando aqueles mangallóns me viñeron buscar, a miña feminidade florecera coma vía de escape primixenia. Eran dous e levaban camisola de fío verde e pantalón combinado -penso que por debaixo nada vestían-. A un mirábanselle os peliños do peito: alto, moreno, bo mozo de fronte e de perfil. O outro, un deses tipos aos que lles gusta facer sopiñas co pan, tendo en conta a panciña rechoncha que se me antollou encantadora. Unha parella de homes de brazos musculosos e traballar dilixente.

     -Bos días, vimos a buscala para quirófano.

     Semellaban altísimos, claro que eu estaba deitada, espida debaixo do camisón de enferma, o meu pube rasurado a instancias dunha enfermeira que mo rapou en seco sen me mirar á cara.

     Levábanme, os dous amigolos, por eses sinistros corredoiros e decateime de que un deles tiña unha pulseiriña de coiro, e o outro, anel de casado. Eu tiña medo, moito medo, grosas bágoas esvararon polas miñas fazulas, pero non era o canguelo nin a dor os que me facían chorar. Era que eses dous mozos tan apetitosos mirábanme cos ollos baleiros de desexo, ollábanme coma quen olla unha enferma e non se percataban de que debaixo dese apéndice inflamado había unha muller con moito fol para acougar aos dous hercúleos celadores cando estiveramos, eles fora de servizo, eu a pleno rendemento.

     .-Quen me dera!, laiábame, xa entrando no quirófano, onde os tipos me abandoaron á miña sorte.

Netsuke. Arte xaponesa en cerámica

Todos os textos de Susana Moo en Certo, aquí