Meu pai andaba ao bacallau no Gran Sol e botaba no mar catro, cinco e ata seis meses seguidos. Cando estaba a piques de chegar, miña nai alporizábase toda. Mataba o polo máis gordo e guisábao. Quería a casa limpa como unha patena, preparaba empanada de mazá e berraba pola casa que non había quen a aturara.
Á miña irmá e a min púñanos traxe de estrea e ela puña os pendentes, pintaba os beizos, calzaba os tacóns e soltaba o pelo que semellaba outra: había que sacarlle o sombreiro! A nós peiteábanos cunha coleta tan apertada que iamos ao peirao fungando todo o camiño, pero todo mudaba cando mirabamos a faciana leda do meu pai e abrazabamonos ao mariñeiro, que cheiraba a tabaco, a sal e a mundos descoñecidos.

Polo camiño toda a xente nos paraba e nos falaba con ledicia e na casa comiamos con fartura mentres meu pai contaba historias de sereas e olas xigantes. Despois, cando o mariñeiro tiña tomada a sobremesa coa pinga no café, xa miña nai anunciaba:
- Agora poñede a tele e estade quietiñas que o voso pai ten que descansar.
El asentía e marchaba ao cuarto, ela corría tras del. Se durmían ou non, sábeno eles, pero nós, despois de estarmos media tarde a mirar nos debuxos, iamos ás agachadas a escoitar detrás da porta. Eu non sei que raños farían alí metidos toda a tarde de Deus.
- Están a mudar os mobles!, dicía miña irmán
- Chssss!
As veces oíase un rir toleirón da miña nai pero ao rato xa non se escoitaba ren, coma se non houbera ninguén alí dentro.
Cando a tardiña ía morrendo saían agarradiños do cuarto.
- Queredes ir tomar o chocolate?
E aló íamos co sorriso na boca, nolas tres porfiando por darlle a man ao papá, xuntiños os catro, falando por sete.
Todos os relatos de Susana Moo en Certo, aquí