O informático (ao que chamarei Tico) está ata os collóns de ser o apagalumes:


    - Tico, caéuseme o sistema.

    -Tico, ven a me mirar o teclado que se bloqueou.

    - Tico, non podo acceder á rede.

    Tico por aquí, Tico por acolá e o pobre do rapaz veña que vou, arranxando as dificultades con resignación e bo facer. Pero un bo día Tiquiño leu na prensa que os varóns que pasan moito tempo a traballar sentados quentando os testículos poden desenrolar algún tipo de desaxuste sexual.

    -Cagho en diola, -dixo Tico-, por aí si que non paso!

    Tomou cartas no asunto coa eficacia que o caracteriza: buscou a información necesaria e organizou unha serie de exercicios para favorecer esas súas partes recocidiñas.

    Tico é metódico e tómase moi en serio a boa disposición do seu aparello reprodutor e non hai día que non siga a táboa de musculación que elaborou meticulosamente e ten escrita na cabeceira da cama. Tico é un home vigoroso e como tal, esperta cunha erección de envergadura. Sen perdela, vai ao baño, colle unha toalla limpa e móllaa para que pese, dóbraa polo longo e cólgaa no ferracholo para levantala con impulsos perineais.

    - Unha, dúas, tres...

    Tico non é un home especialmente deportista pero o seu carallo está cachas que da gloria miralo, zóupalle uns fungueirazos ao pano de campionato.

    - Vintecinco, vinteseis... vintenove


    Tico é contrario aos culturistas, tan musculados no corpo e de pitos miserentos.

    - Corenta e oito, corenta e nove...

    O atleta súa a pingueira gorda, pero ten unha vontade que mete medo e chimpa na toalla cunha potencia abraiante.

    - Cento quince, cento dezaseis...

    A cara de Tico xa vai desencaixada pero o cinguango sube e baixa sen perder pulo.

    - Duascentas noventa e oito, duascentas noventa e nove...

    Se Tico estivera no campo de fútbol recibiría unha ovación, pero Tico ten boa madeira e non se anda a gabar do seu potencial.

    - Trescentas vinteseis, trescentas vintesete...

    Se o levantamento de pesas co músculo central fora deporte oficial nos xogos olímpicos Tico tería gañado o ouro.

    - Cincocentos.

    Suspira o informático e mete na bañeira o corpiño todo para dar refrescamento coa auga a esa zona da que se sinte tan fachendoso... con toda a razón! Por suposto non cae na tentación de dar acougo á súa virilidade: a leitiña consérvaa para botala na conca axeitada.

    Logo, na oficina, Tico toma as súas precaucións: cada hora visita o WC, baixa o pantalón e airea os seus atributos. Ten a mandunga tan ben adestrada, que con dicirlle “Up!”aquilo ponse teso que parecera un rotweiller a piques de tolear.

    - Up!, di Tico e a serpe ergue a cabeza, tentando. Se Eva estivera por alí non dubidaría en rillar a mazá vermella, pero Eva non está e a Tico non lle queda outra que volver ao traballo, enchido de autoconfianza e coa potencia interior adecuada para pórse a traballar.

Máis artigos de Susana Moo en Certo, aquí