Actualizado 16 de agosto

Unha crónica de Ramón Torrado

Festival Mar de Fondo, Noia 2009 : unha bonita sorpresa

 Supersound

    Onte levei unha moi agradable sorpresa en Noia. Teño que recoñecer que o Festival Mar de Fondo, ao que acudín por primeira vez, foi moito mellor do que esperaba.

    Cheguei ás dez da noite cando xa rematara a actuación do primeiro grupo local, Strabismo. A esta banda penso que eu fun un dos primeiros en gravala, cando tocaron en Cespón hai dous anos. De tódolos xeitos, desculpeime co baixista Pamper, ao que si vin en acción. Este rapaz, que ao levar gafas de pasta negra lembroume ao gran Felipe Lipe de Tequila, tocou de marabilla coa primeira actuación que vin, a de



   SUPERSOUND. Tamén gravara a este grupo na noiesa Praza do Tapal hai un ano, pero vinos moi mellorados. O guitarrista solista ten moita audiacia ao poñerse tan alto na mestura de sons, pero fíxoo ben (de broma o cantante Jerry comparouno con The Edge e co home do gorro de Amaral). O propio Jerry estivo moi simpático e entregado, como se verá no vídeo que estou subindo a YouTube: “Barba azul”. Por certo que, como non tiña a  cámara de vídeo e gravei coa de fotos a calidade de son é moi mala, pero non tan mala como para non dar unha idea da forza de cada artista.



    LOVELESS COUSINS. Por este grupo da Coruña sentín ao principio temor, pensando que ao público, adolescentes moi novos maiormente, non lles gustaría a música de rockabilly que interpretan, tipo Gene Vincent, Muddy Waters ou Elvis do principio. Pero o grupo foi quen de adaptarse, poñendo boa cara cando ao cantante lle rompeu unha corda da guitarra e mesmo cambiando ao galego para estar co público. Teñen un as na manga: vestido cunha ampla camisa vermella, o guitarra solista parece un Eddie Cochran vivo que resulta electrizante cando se pon de xeonllos e se despeitea, como se verá no meu vídeo. Engancharon cos rapaces e ampliaron os seus coñecementos musicais, como tamén faría a seguinte formación. Ah, e o gracioso baixista ten un emocionante aire co desaparecido Joe Strummer dos Clash.


Loveless Coussins


    DUSTAPHONICS. Como eles mesmos dixeron, viñan directos de London Town os Dustaphonics. Chegaron e arrasaron. Cun entusiasmo que desminte o tópico da frialdade británica, todo o grupo contaxiou ao público cunha enerxía arrebatadora. Pero unha persoa, a cantante, foi a grande estrela da noite. De novo achegando unha música descoñecida a un público novísimo, sons de soul e rhythm and bues, ela cantou e moveuse cunha forza abraiante. O movemento, hai que dicilo, creaba un suspense no público xuvenil por ver se unha parte dual da súa anatomía quedaba demasiado exposta! O grupo tamén quedou moi contento coa recepción. Por certo que a canción “Burlesque Queen” da que ela quería traducir o título sería “A raíña do espectáculo de variedades”. Foino ela, Aina, onte.

Dustaphonics


      Antes de rematar coa cabeza de cartel, quero deixar constancia da tenrura e agarimo que sentín polo encantador público adolescente que estaba arredor de min onte en Noia. O seu comportamento foi francamente ilusionante: abertos a novas músicas, cheos de frescura, beleza e simpatía.

    SIDONIE. Se non lembro mal, eu xa vira a este grupo no Auditorio do Sar en Compostela hai bastantes anos. Dende os primeiros segundos, vin que estes cataláns tamén melloraron moito, transmitindo ao instante unha sensación de poderío e de tremendo impacto musical e visual. O cantante lembroume a Albert Hammond Jr. dos Strokes, o guitarra solista un pouco a Bryan Adams, o baixista a Keith Richard en guapo, e o gracioso batería (que fixo tolerías saltando do seu instrumento) a Keith Moon dos Who. O grupo, dunha maneira máis relaxada e humilde (o cantante Mas chegou a pedir benevolencia cos erros aos Cooper que estaban entre o público), tal vez contaxiado polos artistas previos, tamén se entregou. Houbo un intre psicodélico, cos tres guitarristas tirados no chan e o membro adicional Baldo facendo desvaríos nos teclados, que elevou a noite a outra dimensión, chegando a unha grandeza que non é tan frecuente nos concertos.

      Foi este Festival Mar de Fondo un tremendo éxito, aínda vendo que do extenso patio do I.E.S. San Alberto só estaba cuberta unha quinta parte. Dez euros unha ou dúas noites non é un prezo caro para unha experiencia inesquecible. Despois dos concertos, entrei no ambiente da movida noiesa do sábado e, nun pub que oferta uns trinta tipos de chupitos a un euro, probei por fin nun chupito chamado "Rates" a bebida protagonista dun relato xenial de Hemingway titulado "Colinas coma elefantes brancos": o absintio. Sentín que me ardían os labios e se inflamaba aínda máis o corazón.

Vídeos de Mar de Fondo en YouTube, aquí

-------------------------------------

Cartel definitivo de Mar de Fondo


     Noia, xullo de 2009. A 2ª edición do festival de música de Noia xa presumía de ter confirmados os seguintes grupos:

     Sidonie,Cooper, Baby Charles (UK), SUPERSOUND ( NOIA ), Dustaphonics (UK), Los Chavales y The Phantom keys, ESTRABISMO (NOIA), UMMA GUMMA (NOIA). Pero agora podes ver xa no cartel superior todos os que son e -se non hai ningún contratempo- van estar o 14 e 15 de agosto no festival de música máis relevante destas bisbarras.




     Nunha homenaxe ós anos 60 e 70, con sonidos pop, soul, yeyé, funky...



     Se queres saber máis destes grupos aquí tes as súas webs:

SIDONIE ( BARCELONA )

http://www.myspace.com/sidoniespace

COOPER ( LEÓN )

http://www.myspace.com/cooperartist

BABY CHARLES ( UK )

http://www.myspace.com/babycharlesband

DUSTAPHONICS ( UK )

http://www.myspace.com/thedustaphonics

SUPERSOUND ( NOIA )

http://www.myspace.com/supersoundpop

UMMA GUMMA ( NOIA )

http://www.musica.com.es/umma

STRABISMO ( NOIA )

http://profile.myspace.com/index.cfm?fuseaction=user.viewProfile&friendID=82116031

OS CHAVALES ( SANTIAGO d.C. )

http://www.myspace.com/oschavales

THE PHANTOM KEYS
http://www.myspace.com/thephantomkeys

WEB OFICIAL DE MAR DE FONDO:

myspace.com/mardefondo09